Friday 19 de April de 2024

O Concello e o Deportivo proxectarán a imaxe da cidade da Coruña co novo autobús para os desprazamentos do equipo


A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo director de fútbol base do club coruñés, Fran, presentou en Madrid o novo vehículo, vinilado con iconas da cidade

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou hoxe en Madrid o novo autobús para desprazamentos do Real Club Deportivo. Durante o acto, a rexedora estivo acompañada por Francisco Javier González Pérez, ‘Fran’, director de fútbol base do club.

O vehículo, vinilado coa imaxe da cidade, empregarase nas viaxes dos futbolistas do Real Club Deportivo para a disputa de competicións deportivas, axudando a proxectar iconas da Coruña como a praia de Riazor, a Casa das Ciencias e o propio Estadio de Riazor, onde o conxunto deportivista xoga como local os seus encontros.

A presentación do novo autobús do Real Club Deportivo, executada no contexto da presenza da alcaldesa en Fitur 2022, reforza así a programación prevista para este ano, coa idea de consolidar á cidade como a referencia turística, deportiva e cultural no noroeste do país.